Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 6 de decembro de 2013

A estafa do déficit tarifario da enerxía eléctrica

En vista de que, por enésima vez, ameazan con subir a factura da luz, rescato aquí (resumida e reestruturada) información aparecida en El País o 15 de setembro de 2013, nun artigo asinado por Martín Gallego Málaga, Jorge Fabra Utray, Alberto Carbajo Josa, Francisco Maciá Tomás e Gerardo Novales Montanes, expertos en enerxía.

Eurostat (a oficina estatística da UE) constata que o prezo da enerxía eléctrica en España subiu, desde 2006, un 60% para a industria e un 88% para os consumidores particulares. Deste xeito, a enerxía que pagamos os clientes domésticos resulta un 32% máis cara que a media europea.
A rendibilidade das empresas eléctricas por estes lares presentouse tan gorentosa que das cinco eléctricas que "oligopolizan" o sector, asociadas baixo as siglas UNESA, tres son estranxeiras.

A falacia de UNESA, apoiada polos gobernos sucesivos, consiste en afirmar que existe un déficit tarifario de 27.000 millóns de euros, por investimentos que levaron a cabo e que agora non son quen de recuperar.

Os expertos asinantes do artigo explican polo miúdo as falsidades difundidas polo sector:

Son as renovables as culpables do déficit tarifario?
- Non. Cando as empresas enerxéticas reparten os ingresos, as primeiras en cobrar pola electricidade producida son as convencionais. As renovables liquídanse despois, xunto co transporte e a distribución. Desta forma, as renovables son sinaladas como culpables do déficit, aínda que a responsabilidade proceda da sobrerretribución ás hidroeléctricas e nucleares, que xa cobraron antes.

O prezo vén regulado polo mercado?
- Non. As cinco grandes empresas marcan un prezo un 15% máis alto do que marca o mercado spot. Fixan as tarifas de último recurso de 22 millóns de fogares poxando entre elas e así determinan o prezo para todos.

Só recibiron "primas" as renovables?
- Non. Todas as centrais cobraron subvencións, baixo diversas denominacións (incentivos ao investimento, CTC: compensación por custos de competencia...). O importe total percibido polas centrais tradicionais superou amplamente o asignado ás renovables.

Ata cando debían cobrar o CTC as eléctricas pola liberalización do mercado?
- Deberían deixar de percibilo en 2005, pois daquela chegaron ao tope que marcaba a lei (36 euros/MWh). Non se fixo así e seguiron ingresando un diñeiro que non lles correspondía ata 2006.

O prezo que pagamos vén determinado polo custo de produción?
- Non. De feito, se todas as centrais en España fosen de gas (a enerxía que máis custa producir), o prezo seguiría sendo o mesmo. Se se pechasen as nucleares, o prezo tampouco variaría. Estamos pagando todo ao prezo da enerxía máis cara.

Os gobernos protexeron e protexen as empresas enerxéticas?
- Depende. Sempre tiveron moito coidado en garantir os investimentos das empresas mediante compensacións en diñeiro. Porén, no caso das renovables, non dubidaron en incumprir as normas que xa publicaran no BOE. As empresas de enerxía solar resultaron as máis prexudicadas.

Proposta dos autores do artigo de El País:
Deixar de pagar sobreprezos ás centrais tradicionais e apostar polas renovables, sector no que somos competitivos e que acaparará o 70% dos investimentos en novas centrais no mundo ata 2030. 

O que digo eu: como se pode deixar en mans privadas algo que nos pertence a tod@s?
A auga, o vento, o sol, o que agocha a terra... non son nosos? 
Por que os gobernos llelos regalan ás empresas para que logo nos vendan a enerxía que producen?

Ningún comentario:

Publicar un comentario