Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 6 de decembro de 2013

Escola pública, a única

En Galicia existen tres tipos de escola: pública, privada concertada e privada.
Na pública instrúese a maioría da poboación (aproximadamente 2/3), seguida pola concertada (case 1/3) e unha pequena elite acode aos centros totalmente privados (6%).

Moita xente valora esta tríade positivamente, alegando que redunda en beneficio da liberdade de escolla das familias para educar os nenos e nenas.
Discordo absolutamente. 

Comezarei polos centros financiados exclusivamente con fondos privados, provenientes dos pais e nais e de doazóns externas. Na miña opinión, son guetos dos ricos para non mesturar a súa prole coa plebe. Reciben a peor educación dos tres sistemas, porque saen convencidos de seren a crema da sociedade, os futuros dirixentes da comunidade... , e como a ninguén lle gusta que o miren por riba do ombreiro, esa actitude só esperta desconfianza e xenreira entre os demais. Non dubido de que algúns consigan mellores postos de traballo que a maioría (xa levaban moito camiño andado ao teren seus pais diñeiro) pero, de que serve gañar moitos cartos cando os que te rodean non te aprecian?

Seguirei polos centros privados concertados. Son os que pagamos todos pero que dirixe maioritariamente a igrexa católica. E aí radica o seu peor estigma: que todos financiamos unha formación inzada de prexuízos, intolerancia e atraso. Ademais, obrigan as familias a pagar, cando todos os gastos correspondentes á educación obrigatoria están cubertos pola Administración. Encobren estes pagamentos (como actividades extraescolares, reforzos...) para aumentar os seus beneficios (o pasado curso incrementáronse nun 11%, segundo datos do Ministerio; sen contar outros ingresos adicionais, como a venda de uniformes, libros...). Cando as familias non poden seguir pagando, son ameazadas coa expulsión. Escollen o profesorado segundo criterios propios (para algo son empresas privadas). Deste xeito, aseguran a súa fidelidade ideolóxica e submisión para traballar máis horas ou en labores que non lles corresponden.
Obteñen mellores resultados académicos? En contextos socioeconómicos semellantes e segundo o último informe Pisa, non; malia sabermos que moitos centros concertados preparan o alumnado para as probas, práctica que deturpa os resultados (deben velar pola boa imaxe do seu negocio para teren clientes). Do mesmo xeito, os resultados nas PAAU (Selectividade) son moi altos independentemente do tipo de centro de procedencia do alumnado (a min sempre me quedará a sospeita de que os privados inflan as notas do Bacharelato para mellorar a súa media).

A escola pública. De lonxe, a mellor. 
Representa a diversidade humana, nela mestúrase a rapazada proveniente de familias de clase media, baixa e alta. O profesorado ten tempo para preparar as materias e ofrecer unha ensinanza de calidade. A pesar dos intentos de desprestixio interesados por parte dos políticos no goberno, moitos implícanse (implicámonos) con empeño no traballo para pular dunha mocidade moitas veces desmotivada e desilusionada coas inxustizas que nos rodean.

A miña experiencia.
Eu estudei nun colexio de monxas que daquela era totalmente privado. Só había profesoras, monxas ou non. Nunha clase chegaron a dicirnos que o home non podía vir do mono porque se encerras un nunha gaiola nunca se transforma en ser humano. 
O actual goberno español busca regandixas para seguir financiando a segregación sexual dalgúns destes centros, práctica deostada pola UE e por calquera que teña algo de sentidiño. No meu colexio, cada vez que entraba un individuo do sexo masculino, a expectación era equivalente á dun tremor de terra.
Ao rematar a EXB, cursei Bacharelato e COU nun instituto público. Foi a etapa máis intensa da miña vida (ata hoxe, polo menos). Aprendín moito e tirei moitos prexuízos da cabeciña. 

Grazas aos profesores e profesoras do Instituto A Xunqueira de Pontevedra, porque sen as súas ensinanzas (non falo das académicas) hoxe non sería como son.

Ningún comentario:

Publicar un comentario