Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

luns, 27 de xaneiro de 2014

Alimentación global: fame, enchente e comida lixo

Envíame Luis un enlace ben interesante a un vídeo no que Esther Vivas (licenciada en Xornalismo e Máster en Socioloxía) do Centro de Estudos sobre Movementos Sociais da Universitat Pompeu Fabra nos explica como funciona o sistema agroalimentario global. 
Resúmovos aquí a súa exposición, atinada e clara, e no fondo da entrada tendes o enlace ao vídeo.

Obra de Pawel Kuczynski
Toda a cadea alimentaria, desde a produción ata o momento do consumo final, está deseñada por e para que un puñado de empresas distribuidoras se lucren (Alcampo, Carrefour, Mercadona, Eroski, El Corte Inglés...). As empresas deciden qué comemos e canto pagamos. Apostando por un modelo globalizado, xeran fame nun planeta con abundancia de alimentos, acaban co campesiñado e inciden drasticamente no cambio climático, co único obxectivo de beneficiar as elites político-económicas no Norte e no Sur, mediante a privatización da terra e as sementes.

Desde os anos 60, a produción de alimentos triplicouse no mundo. No entanto, a poboación só se duplicou. Pero a fame continúa: 1 de cada 7 persoas non ten acceso á comida, porque ao estaren en mans privadas a terra e as sementes, o diñeiro vólvese imprescindible.
Os mesmos suxeitos que ocasionaron a crise coas hipotecas lixo e subprime son os que hoxe especulan coa comida na bolsa. No parqué decídese artificialmente o prezo dos cereais: o alimento básico dos máis pobres, que dedican un 80% dos seus ingresos ao pagamento da alimentación. Cando desde os mercados se especula para duplicar o prezo do millo ou do sorgo, p.e., a poboación non pode pagalo (como aconteceu no verán de 2011 en Somalia e Etipoía).

Para explicar as épocas de fame aguda nunha zona, os medios de comunicación recorren a causas meteorolóxicas ou bélicas, pero a verdadeira orixe radica na política alimentaria executada por quen controla os recursos. Podemos exemplificalo co que acontece no Corno de África: nos anos 70 e 80 os países da zona producían alimento suficiente para nutrir toda a súa poboación; hoxe en día, non. Obrigados a abrir as súas fronteiras ao "libre mercado", as empresas do Norte venden a prezos por baixo do custo de produción os excedentes xerados grazas ás subvencións recibidas na Unión Europea e en EE.UU. aos países do Sur. Deste xeito, o arroz haitiano en Haití é máis caro que o estadounidense, o leite europeo no Senegal é máis barato ca o autóctono... Conséguese así acabar co campesiñado local e crear inseguridade alimentaria na zona.

Outro problema xerado pola política agroalimentaria actual derívase do petróleo, necesario non só para transportar alimentos a distancias esaxeradas, senón tamén para producir pesticidas e fertilizantes. Como os combustibles fósiles serán cada vez máis caros, a comida tamén o será. 

"Paradoxicamente", conforme aumentou a produción agraria, a agrodiversidade diminuíu considerablemente: nos últimos cen anos, segundo a FAO, descendeu nun 75%. Por que? Porque só se produce aquilo que necesita a industria: produtos de boa aparencia que poidan ser transportados a miles de quilómetros. 
As sementes, antes patrimonio da poboación, que podía conservalas e intercambialas, hoxe son privadas: un 70 % do inzo está en poder de dez empresas comercializadoras.

Por outro lado, a saúde da poboación empeora. Aumentan as doenzas derivadas dos uso de pesticidas, potenciadores do sabor, fertilizantes químicos e transxénicos. No entanto, o gasto derivado do tratamento das enfermidades (como as alerxias) socialízase e é pagado por todos e non polas empresas causantes.

Talvez unha das maiores falacias na que se empeña a industria é na idea de que os transxénicos son necesarios porque se necesita máis comida para acabar coa fame. Xa vimos que o problema non é unha falta de produción, senón de democracia na política alimentaria. Por outra banda, os transxénicos impiden a existencia de agricultura biolóxica e mesmo convencional, xa que as sementes viaxan polo aire e acaban contaminando calquera tipo de plantación. Debemos destacar aquí que en España están autorizados e existen cultivos transxénicos prohibidos en Alemaña, Francia, Suíza ou Grecia.

A orixe da crise alimentaria global está no modelo político: o capitalismo promove un consumo compulsivo e irracional unicamente para se soster, creando necesidades artificiais e logo artellando a ideoloxía sobre a que poder seguir asentándose: o escepticismo. A  crenza de que somos os culpables da crise por vivir por riba das nosas posibilidades e de que non se pode facer nada para que as cousas muden. As accións individuais son imprescindibles para tomar conciencia e para vivir coherentemente, pero só a acción colectiva pode establecer un cambio de paradigma político.

http://r-evolucion.es/2013/06/23/lo-que-debes-saber-de-carrefour-alcampo-el-corte-ingles-mercadona-eroski-y-grandes-superficies/

Ningún comentario:

Publicar un comentario