Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 4 de xaneiro de 2014

Comunicación?

Tecnoloxía punta:
o boli bic para rebobinar casetes
Aínda que pareza incrible, algunhas persoas nacemos moooooito antes de que existisen os teléfonos móbiles. Meu pai era camioneiro e recordo ben como había que organizar os horarios de toda a familia para estar na casa cando el chamaba, desde algún lugar de España ou do estranxeiro. Lembro perfectamente á miña nai pegada ao aparello gris (no que había que xirar unha roda para marcar os números) porque cando se perdía unha chamada era irrecuperable (e nin sequera había forma de saber se a perderas).

Só había dúas cadeas de televisión, así que todos os rapaces e rapazas viamos as mesmas series -que eran o tema de conversa durante a merenda conxunta na rúa- mentres as nosas nais calcetaban, de pé, apoiadas na fachada dalgún edificio da rúa. A música escoitábase na radio, na tele (daquela os programas musicais tiñan moito éxito), no tocadiscos (os vinilos eran obxectos delicadísimos que había que tratar con agarimo, rozando apenas os bordos con dous dedos, porque se raiaban con só miralos) e no radiocasete (o boli bic, imprescindible para rebobinar; e no coche, o copiloto era o encargado de darlle a volta á fita cando remataba a cara A).

Os nenos e as nenas do barrio xogabamos xuntos e obedeciámoslles a todas as señoras, tanto tiña de quen fosen nais. Se aínda eras pequeno, xogabas na rúa, sempre a cousas que requirían un desgaste enerxético considerable: a polis e cacos, ao peletre, á comba, ao escondite inglés ("1,2 y 3, sin mover las manos ni los pies")... Se eras adolescente, quedabas cos amigos con antelación (había que ter as cousas ben planificadas) ou arriscábaste a timbrar nas súas casas para que baixasen. 

Os domingos cobrabas a paga, que gastabas nalgunha lambetada cativa e ías pasear cos compañeiros polo centro da vila, sen supervisión de adulto ningún, porque non había perigos ao axexo.

Inter-que? Daquela, para buscar información debías ir á biblioteca e pescudar nos arquivos á procura dos libros adecuados (saír da casa, camiñar, levar o teu carné con foto... e días despois devolver o libro para que estivese á disposición doutro usuario).

Seguramente non tiñamos moita información do mundo exterior, pero sabiámolo todo da xente do barrio. Para contar os amigos, chegábannos os dedos das mans e sempre falabamos cara a cara.

No enlace de abaixo tes un vídeo interesante (recomendación dun perito boligrafista) sobre como a tecnoloxía incomunica, oculta e disfraza. 

The innovation of loneliness

Ningún comentario:

Publicar un comentario