Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 25 de xaneiro de 2014

Contra o fracaso escolar?

Obra de Pawel Kuczynski
Unha das "innovacións" da LOMCE para mellorar -segundo Wert- as cifras do fracaso escolar consiste na incorporación ao sistema de probas de avaliación externas ás dos centros escolares ao final de cada etapa. Pártese da premisa de que se obterán uns resultados máis obxectivos que incentivarán o alumnado a prepararse mellor.

Daquela... a escola do futuro é a que clasifica os alumnos sen coñecelos, como obxectos medibles, sen ter en conta as circunstancias e a personalidade de cadaquén, o traballo diario na aula, a súa conduta na vida cotiá? 

Non sei se guiarse por exames puntuais externos pode conducir a unha maior obxectividade nas medicións... o que sei seguro é que os resultados obtidos NON serán xustos, porque (pásmese, señor ministro) os alumnos son persoas; non son futuros traballadores, nin futuros votantes, nin futuros emigrantes... Son persoas nun estadio da vida no que a obriga de toda a sociedade é procurar que avancen (todos e todas, non só os que obteñen boas cualificacións) e adquiran as ferramentas para chegar a dar o mellor de si mesmos (e dar o mellor de un vai moito máis alá de resolver ecuacións e fórmulas, lembrar acontecementos históricos ou saber comentar un texto). E precisamente o alumnado con máis dificultades é o que debe esixir máis esforzo de todo o sistema, porque as eivas e os atrancos que non se solucionen na escola (e que rara vez teñen que ver coa capacidade intelectual dos rapaces), dificilmente poderán ser superados máis adiante ou fóra das aulas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario