Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Verdades como puños (aínda que perda lector_s)

Verdade nº 1:
O galego é a única lingua do pobo galego.

Verdade nº 2:
A lingua é o único que nos define e nos integra como pobo.

Verdade nº 3:
Os colonizadores sempre lles fan crer aos colonizados que escolleron libremente a submisión.

Verdade nº 4:
O marisco, a gaita, as vacas, o narcotráfico, mesmo a chuvia... son "folclore".

Verdade nº 5:
O "folclore" pode desaparecer e o pobo manterase se se mantén a lingua.

Verdade nº 6:
Se desaparece a lingua, o pobo morre; aínda que se conserve o "folclore".

Verdade nº 7:
Hai persoas que usan a lingua por conveniencia e non por convicción. (Alá elas!).

Verdade nº 8:
Sen palabras de noso, non somos nós: somos outros.

2 comentarios:

  1. Eu non che creo moito nas verdades como puños, sobriña. Máis ben me dan medo. Cando vou a Galicia e me movo un pouco escoito falar máis dunha lingua. Entre os que falan galego tamén escoito falar máis dunha lingua. Entre os que falan galego hai colonizadores ("eses si que falan ben" dicía o teu abó mirando para unha presentadora da TVGA que falaba con acento inglés para non parecer paleta). Teu abó tiña entón clara conciencia de que había dous,"eses" e "nós", conciencia de clase, claro. Neofalantes hai que foron compañeiras miñas nas monxas e facían mofa do meu castrapo (aquel castelán meu, segunda lingua bastante ben falada).Mellor así, que falen galego, vale, pero aínda ninguén nos pidiu perdón, máis ben se consinte que os cómicos na TVGA fagan mofa do acento rural (e por enriba vestidos de muller) asociando rural a paleto e incultura. Eu non vexo que se faga gran cousa por mellorar a autoestima da xente que preservou o galego por séculos, probablemente a única que sexa quen de preservalo aínda ¿cal é en verdade a identidade dun neofalante que falou castelán ata os 20 anos? Penso que falta ( ou eu descoñézoo) un estudio sociolóxico serio da realidade lingüística en Galicia. Sociolóxico. Falta tamén autocrítica: cómo é posible que haxa tantas persoas, como hai, que teñen acento galego cando falan castelán e poñen acento de ningures cando falan galego? Mentres se siga pensando que falar galego está ben pero sen ese acento, esa fonética, esa cousa "enxebrista", esa "brutalidade" das aldeas moito me temo que a diglosia segue aí. Hai unha consideración de que por un lado está a cultura e por outro lado está o mundo rural. Iso non cambiou. Non se pensa que o mundo rural tamén ten a súa cultura, que a vaca é cultura, a música tamén, e ata a maneira de ter presente a choiva e mirar para o ceo tamén forma parte dunha cultura e polo tanto dunha identidade. Tamén observo que se produce unha defensa da modernidade de Galicia que ten como obxectivo desfacer o mito dunha Galicia rural: cal é o problema? De que se avergonzan? A min estas actitudes parécenme moi reaccionarias, seguen a valorar positivamente o éxodo ás cidades e o consumismo e o abandono de formas de vida que puidesen ter sido máis humanas, mellores.Bufff! A conversa da para moito. Non é doado "desclasarse". Para que toda Galicia falase galego, habería que pasar por un proceso de desclasamento que non é doado nin hoxe, neste intre en que se está demostrando que o soño mesocrático non vai a ningún sitio máis ca ao paro. Ufff! A conversa daría para moito. Non cabe aquí.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O rural é cultura galega, o urbano é cultura galega. A choiva é nosa, e o polbo, e o sacho, e o ordenador, e a elegancia da boina... todo somos nós. As verdades como puños son revulsivos... porque as verdades sempre son relativas. Pero se Galicia se convertese nun deserto e o polbo fose unha especie en perigo de extinción... nós seguiriamos sendo galeg@s se existise o idioma, aínda que non tod@s @s galeg@s o falasen.
      O acento e as variedades dialectais consérvanse entre a xente nova que fala galego: no Son, en Vilanova de Arousa, en Quiroga... e non intentan disfrazalo. Certo que en Galicia existe diglosia e clasismo, pero tamén existe orgullo e elección.

      Eliminar