Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

mércores, 14 de maio de 2014

A dignidade do pastor


Pascual foi entrevistado por Jordi Évole
o pasado domingo en Salvados
Pascual Carrión é pastor desde os seis anos. Vive en Jumilla coidando do seu rabaño de 300 ovellas. Herdou as terras dos seus devanceiros e comprou algunhas máis. Pascual sabe cal é o seu lugar no mundo e ama a súa profesión.  Por iso foi quen de enfrontarse aos poderosos. Primeiro, a Iberdrola: perdeu o xuízo e enfermou. Despois, a un macrocomplexo urbanístico de 15.000 vivendas con dous campos de golf nunha terra sen auga: gañou noites de insomnio e unha doenza cardíaca que lle deixou como lembranza unha válvula artificial. 
Pero logo de sete anos de batallas, o Tribunal Supremo deulle a razón; non porque o pastor tivese dereito a continuar co seu estilo de vida, senón unicamente porque no secano murciano non hai auga abonda para satisfacer a demanda que xeraría a nova veciñanza. Cando Jordi lle pregunta de que partido é, Pascual afirma ser "dos pobres", mais na súa casa o reloxo non muda de hora dúas veces ao ano.
Pascual renunciou a unha manchea de millóns a cambio dunhas terras que, a dicir da xente, non valen nada, porque posúe todo o que lle cómpre: a terra, o gando, o oficio e a dignidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario