Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 22 de maio de 2014

Meu dito, meu feito

Pawel Kuczynski
O goberno español anda preocupado ultimamente pola proliferación de insultos, saídas de ton e mesmo ameazas de morte nas redes sociais. Xa foron detidos varios autores de mensaxes difundidas na internet.

Sei que é difícil delimitar a liña que separa a liberdade de expresión do dereito á intimidade ou das ameazas que poden atemorizar persoas e creo firmemente no poder creativo da palabra. A literatura demostra ese poder. Mundos antes inexistentes cobran vida ao seren verbalizados e divulgados.

Agora ben, que clase de sociedade persegue o dito antes que o feito?

Un mozo de dezanove anos é detido e interrogado por escribir que desexaría levar por diante unha presada de políticos. Ao tempo, España mantén relacións amistosas con países nos que se executan seres humanos, como Arabia Saudita ou os EE.UU. Asemade, fabrica armas que vende para conseguir beneficios e que acabarán con miles de persoas (sabemos que moitos serán civís). En 2011 acadaba o 7º posto mundial, logo de triplicar as vendas en dez anos. De feito, a industria bélica no planeta non sofre a crise xeralizada; ben ao contrario, aumenta o seu lucro. 
Resulta problemático encontrar na rede información exacta e veraz sobre os fabricantes de armas españois: os seus beneficios, a quen lle venden, cal é o destino final... Sabemos algunhas cousas: que non teñen escrúpulos para negociar con países en conflito, que comercian con ditaduras e democracias... En 2012, por exemplo, primeiro ano do mandato de Rajoy, a industria española vendeu 1.953,5 millóns de euros, segundo a Secretaría de Estado de Comercio. Entre os clientes, países denunciados nos organismos internacionais por non respectaren os dereitos humanos, como Arabia Saudita, Bahrein, Israel ou Marrocos. Pero o estado español non é unha excepción. Países tan "civilizados" como EE.UU., Alemaña, Francia, Reino Unido e Rusia (quen pense que Rusia sobra nesta lista, que recapacite sobre os outros) encabezan o execrable palmarés das potencias armamentísticas.
Daquela, en que quedamos?
Matar xente non é tan grave como desexalo ou esperalo?
Fabricar armas e vendelas está ben porque xera postos de traballo e lucro para as empresas?
Cantas varas de medir fan falta para entender este sistema?
Ou é que en realidade están argallando a forma de controlar a información libre e múltiple que voa polas redes dun recuncho a outro do globo?

2 comentarios:

  1. Compartín este artigo en Facebook para que o lean moitísimos, de ser posible.
    Ai, as varas de medir!

    ResponderEliminar