Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 13 de xullo de 2014

A estafa telefónica das administracións

Chégame a factura telefónica cun cargo de dúas chamadas Premium. A miña compañía é Yoigo e xa teño anulada a emisión deste tipo de comunicacións porque nunha ocasión anterior aparecéranme números que eu non recoñecía. Hei de dicir que naquela ocasión Yoigo me devolveu inmediatamente o diñeiro. Pero o caso é que as compañías de telecomunicacións non poden anular o acceso a todos os contidos Premium (doutra volta perdera varios euros pola cita para a itv), así que repaso a factura e vexo que a empresa que me fai o cargo é BT España. 

Reviso os rexistros do móbil e encontro o quid: trátase do teléfono de cita previa do Servizo Público de Emprego, ese co que hai que contactar para que te atendan despois nas oficinas se queres informarte sobre as prestacións. Chamei dúas veces seguidas porque no primeiro intento a máquina (non hai persoas ao outro lado da liña) díxome que a liña estaba saturada e debía chamar máis tarde. Foron 28 segundos: 0,290 euros. Ao rechamar, 2.25 segundos: 0,875 euros. Total, que gastei máis de 1 euro para pedir cita. 

Diráseme que se pode solicitar por internet. Certo, pero a rede tampouco é de balde, por moito que nolo repitan; e ademais non todo o mundo ten ordenador nin se manexa con tales trebellos. Pode parecer pouco 1 euro (non o é para unha persoa que aspira a cobrar un subsidio de 426, por exemplo), pero pensemos que dos 4.5 millóns de persoas rexistradas no paro, unicamente un 10% optase por solicitar a cita por telefóno e multipliquemos: 450.000 euros facturados.

E eu pregunto, a que empresas están a regalarlles as administracións este lucrativo negocio? Para quen non o saiba, nas oficinas do Servizo Público de Emprego o persoal non está autorizado a darnos esas citas, de forma que, aínda que esteamos alí de corpo presente, debemos chamar por teléfono ou acceder desde internet para que nos convoquen. 
Queda claro o calote, ou hai que dar máis pistas?

Ningún comentario:

Publicar un comentario