Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 29 de xullo de 2014

Menos multas e máis conciencia

Pawel Kuczynski
En breve, os menores que sexan sancionados por beber alcohol poderán cambiar a multa (de ata 601 euros) por traballos para a comunidade ou pola participación en actividades de sensibilización sobre os riscos do alcohol, a razón de 20 euros/hora; e no caso dos menores adictos, prevese a posibilidade do seu acollemento a tratamentos de desintoxicación. 
Para beneficiarse do troco da pena económica por algunha das outras alternativas, os titores do menor deben estar conformes. (Esta é a parte da normativa que non comprendo, pois penso que para os adolescentes resulta máis educativo e beneficioso non aprender a solucionar os problemas con diñeiro).
Estas novas posibilidades terán sustento legal en canto se publique no DOG o decreto aprobado hai uns días. A Xunta demorou tres anos e medio para desenvolver o artigo 12 da Lei 11/2010, que abría estes camiños alternativos á sanción económica.

Máis vale tarde que  nunca; e o ben feito, ben parece. Porén, o abuso do alcohol non aparece na mocidade por casualidade. Por estes lares,  promóvese o seu consumo desde hai séculos, sendo unha das drogas socialmente mellor aceptadas, presente na alimentación ou no lecer diarios e inexcusable nas festividades. A legalidade outórgalle un halo de bondade ou, cando menos, de menor perigosidade que a doutras drogas consideradas máis duras; pero a realidade é que a inxestión de alcohol en España por habitante duplica o índice mundial, segundo a OMS, que tamén afirma que esta droga está implicada no 7.6% da mortalidade masculina mundial e no 4% da feminina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario