Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

venres, 10 de outubro de 2014

A culpa é de Teresa (seica)

Teresa Romero é unha muller que se ofreceu voluntaria para exercer o seu labor como enfermeira coidando dunha persoa infectada dunha gravísima enfermidade contaxiosa na súa fase terminal.

Javier Rodríguez é un señor que "traballa" como conselleiro de Sanidade na Comunidade de Madrid e que culpa a Teresa de infectarse, de mentir e de expoñer os demais ao virus.

Pero os colectivos sanitarios (ás ordes do tal Rodríguez) levan tempo denunicando que carecen dos medios e, sobre todo, da formación necesaria para tratar o ébola. Aínda hoxe, seguen sen recibir cursos serios, materiais axeitados, nin un protocolo preciso. Debido a esta inseguridade, está habendo renuncias para atender os pacientes e Sanidade está chamando persoas desempregadas das listas de contratación (sen formación sobre o ébola) para encargarse dos casos en observación.

Nos últimos días os medios de comunicación revelan datos que destapan a forma absolutamente trapalleira e irresponsable coa que se está actuando neste asunto. Cursos de media hora sen prácticas sobre os traxes protectores; uso dunha ambulancia sen medidas adicionais para trasladar a Teresa, que logo transportou doentes sen ser desinfectada; permanencia da enfermeira durante horas nun centro hospitalario normal... A cadea de erros é tan monumental que ocuparía centos de liñas.
Deixo á parte os xornalistas (supoñendo que iso sexa periodismo) do estilo de Jiménez Losantos, que chegou a dicir de Teresa que "no pecado leva a penitencia".

E a estratexia para saír do paso consiste nun escurantismo e incomunicación que só provoca ruxerruxes e alarma. Resulta incrible e lamentable que Teresa se enterase do seu positivo no virus pola prensa, igual que o médico que a atendeu durante dezaseis horas vestido cunha roupa insegura.

Iso si, a repatriación dos misioneiros infectados publicitouse como unha demostración de poderío técnico mediante unha escenografía aparatosa de aparencia científica. A realidade demóstranos que debaixo desa parafernalia só había baleiro, ignorancia e improvisación.

Mentres non asumamos que os problemas deben erradicarse na súa orixe (en África os mortos son milleiros) e sigamos pensando que non nos incumbe o que acontece noutros lugares do planeta, os ébolas de calquera clase serán imparables.

Ningún comentario:

Publicar un comentario