Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 12 de outubro de 2014

Mollarse ou non mollarse: esa é a cuestión

Despois de asistir onte no serán á gala benéfica da Estación da Estrada a prol da futura Casa da Xuventude, acordei hoxe con espírito científico-filosófico-revolucionario e elaborei, de boa mañá, unha teoría taxonómica que a seguir vos expoño:

Atendendo á súa etoloxía (é dicir, ao seu comportamento) a especie humana pode clasificarse en tres categorías: "osquesemollan", "osquenonsemollan" e "osquemexanpornós".

Comezarei pola última (osquemexanpornós): intégraa a minoría da poboación por unha simple cuestión matemática: fan falta moitos parvos para manter un só destes "listos". Non me estenderei falando sobre eles, porque me ferve o sangue; pero todos sabemos quen son: inzan as páxinas dos xornais acotío coas súas falcatruadas. Porén, son expertos do disfrace e gustan de camuflarse como benfeitores sociais.
Por certo, a zona das plataformas da estación de autobuses segue chea de pingueiras e humidades sen que nin o Goberno municipal, nin a Xunta nin La Estradense parezan ter demasiado interese en solucionar o problema. Tampouco as administracións acaban de comprometerse seriamente coa creación efectiva da Casa pola que loita a mocidade.

A segunda categoría (osquenonsemollan) é o sector poboacional máis abondoso. A súa característica etolóxica é sinxela: érguense pola mañá e déitanse pola noite. No intervalo temporal, sobreviven como quen oe chover. Non parecen perigosos, pero sono; porque, sen eles, osquemexanpornós non poderían existir.
Por certo: á gala benéfica devandita asisitiron apenas unhas ducias de persoas das preto de 22.000 que hai censadas no concello.

O terceiro conxunto non é moi numeroso e constitúe a elite ética da especie. Entre osquesemollan inclúo, entre outros, aqueles que se achegaron á estación para contribuír co seu apoio sincero ao proxecto dos novos e mais as empresas que colaboraron na realización do evento.
No cume desta categoría coloco os que traballan para si e para os demais sen recibiren unha recompensa económica, como as asociacións xuvenís da Estrada: unha corentena de rapaces e rapazas con intereses diferentes unidos polo empeño en mellorar a súa vida e a da comunidade; coordinados por dous "inmigrantes" que fan máis polo pobo que moitos autóctonos.
Non podo esquecer neste apartado os integrantes de Vella Escola que participaron no evento regalándonos unha magnífica coreografía de breakdance a cargo de Raúl Asensi, Daniel Pazos, Sergio Perol e Marcel Lli e mais unha mostra epectacular de beatbox interpretada por Davbeat.


Déixovos o enlace a dous vídeos dos membros de Vella Escola que participaron na gala:



[En canto dispoña de material coa actuación da pianista (Taida Sánchez) e o vídeo dos patinadores de LSS, colgareino.]

Ningún comentario:

Publicar un comentario