Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 7 de decembro de 2014

Cuestión de ortografía

Dáse -posiblemente- neste graffiti un caso de interferencia lingüística entre galego e castelán. Supoñemos que o autor ou autora reclama poder para as persoas de idade: os vellos; aínda que tamén pode acontecer que esteamos diante dun simple erro ortográfico en galego.
Outra interpretación do texto é que se demande coa pintada máis poder para os guapos: os belos.

No primeiro caso trátase unicamente dunha interferencia ortográfica sen repercusión algunha na fala, pois as grafías b e v representan no galego (como no castelán) un único fonema /b/; por moito que locutores clásicos (ou rancios) se empeñen en pronunciar o v como unha fricativa (é o caso de Jesús Hermida, p.e.)
.

Quero lembrar aquí a reivindicación dun grande escritor, García Márquez, que avogaba pola supresión da grafía v. Concordo con el tamén para o caso do noso idioma, pois nada achega de valor á lingua tal distinción gráfica, proveniente duns tempos nos que si había diferenza fonética na fala.

Se se tratase do útlimo caso (aínda que non creo tal) o problema sería maior; pois estaríase producindo unha confusión entre dous vocábulos de significado totalmente diferente: os vellos (anciáns) e os belos (fermosos); o que mudaría a intención comunicativa do escritor.

2 comentarios:

  1. "Poder para os bellos" lévame a un lughar ben interesante, que é o do corpo das grafías, os seus grosores. Na poesía convencional (algunhas xa lle chaman "normal") a grafía non se ve nin se le, é invisible.
    Aquí, como pasa en moitas formas poéticas deliberadamente invisibilizadas (tal é o caso do grafitti borroso que fala da rutina) a grafía hai que lela, nin se pode evitar lela.

    Non importa a intención do autor, imposible de coñecer. O lector que se malequilibra no fío dunha fronteira lingüística (hoxe en día andamos por aí a maior parte da xente, transhumantes todos) ten a oportunidade de ler esta grafía desde ese fío, ollando aos dous lados ao mesmo tempo, perdendo a referencia "normal" de bello ou de vello e conquistando un sentido-outro, o da guapura posible dos velliños. Xa me fastidia a min que as velliñas non se acheguen a esa condición, que se lle vai facer.

    Se seguimos mirando o resto da inscrición, non deixa de interesarme o que haberá antes de ese 15 que figura aí enriba: Trátase do artigo Nº 15 dun programa político ou dun manifesto? Cales serían os catorce epi/grafos precedentes pensando nun partido político que pide poder para os velliños porque lles atribúe unha beleza suponse que interior?

    Cales serían eses catorce considerando bellos en referencia única aos bellos/ghuapos? Poderíase, sería posible concibir neste caso ese 15 como un dos artigos dun programa político?

    Ai, pero resulta que no contexto político actual español, andan por aí certos rapaces (rapaza ningunha, logo está no seu sitio o masculino) fronte a máis dun partido político, que non campan nada mal, segundo o que din por aí algunhas mozas. Isto complica todo, vólvese contraditorio o texto, non é o mesmo un guapo ca o outro guapo... Máis se complica aínda se consideramos que hai outro partido, actualmente no goberno, onde mandan vellos, en cabeza mais tamén en idade. Estase pidindo poder para eles? Máis aínda?

    E se identifica o lector/lectora guapos con noviños? Estáse pidindo aquí poder para a mocidade?

    Uff! Haberá que empezar a valorar positivamente as faltas de ortografía, non che parece? Ler, quizais, desde o lughar que esas faltas representan.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Antes do 15 non había nada. Tamén eu me preguntei o mesmo. Sobre a beleza dos vellos, tamén pensei en comentar que belos e vellos non eran nin incompatibles nin parellos obrigatoriamente, pero xa me parecía estenderme moito... Non me parece que o poder para os vellos vaia no sentido dos que gobernan agora, aínda que nunca se sabe. O asunto é que en Lugo abondan as pintadas con tectos poéticos ou sentenzas progresistas ao carón doutras do signo contrario (non as colgo todas: citas de poetas, alusións a problemas locais con empresarios, insultos clasistas... moitas están asinadas por uns que se fan chamar Os Edukadores).

      Eliminar