Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

luns, 8 de decembro de 2014

Gatomaquia na Praza de María Pita. Luz Pozo Garza

Tiñas un gato lírico Pilar querida:
e outro gato sinfónico.

Un gato que modula laios á luz da lúa
e un gato equilibrista que anda polas cornisas
na procura das ninfas de ollos de marabú.

Tes un gato malevo no fascinio do tango
outro gato que lambe as rimas do estrambote.

Outro gato gramático
que recolle topónimos
nos tellados atávicos
dos vellos académicos.

Uns saben da saudade
outros de astroloxía
de escritura automática
mesmo de psiquiatría...

Tes unha gata apática e outra gata ninfómana
recollidas na lonxa onde subastan peixe
están rexeneradas:
saben socioloxía polas tardes axudan a
                                                  remendar as redes

Un gato vagabundo. Outro funambulesco

que vén do Reino Unido
e sabe decir YES
e empolícase ás noites nas bufardas autónomas
a facer propaganda contra da Commen Wealth.

E tes tamén un micho prófugo

que pernocta
no berce da boneca que gardabas dos Reis:
o pobre é analfabeto
ten a boquiña torta
cun ollo mira ao Oeste e outro mira ao Nordés.

Miaña con voz de neno
vai sempre no teu colo.

Sendo o teu favorito ninguén o pode ver
Hai entre eles xenreiras
para achegarse ao leito
onde les polas noites a RIMBAUD
                                  e a VERLAINE ...

Arríncanse os bigotes
as orellas e o rabo
e arman cada trifulca que non queiras saber

Os veciños protestan
o Alcalde toma nota
e un doutor moi moi lido
dille: Non calarei
por máis que co teu dedo
ben que toques a boca
ben a fronte
silencio avises e ameaces medo...

e a guerra dos felinos chega ata o Consistorio
líder do televexo vai o Gato ISIDORO
o Gato FÉLIX e o de SETE VIDAS van de abandeirados
oponlles o Concello un exército en regra de ratos
adestrados

Pra os deter -os munícipes- bótanlles peixe branco
parrochiñas azuis besugos colorados
ao cheiro das sardiñas enardécense os gatos
e naquela balumba cun botín
de peixes
e de ratos
e con grandes presadas nos fuciños
                                            fuxen para os tellados...

... POR ONDE voltan para túa casa
benquerida Pilar
a recabar coidados...

FIN DOS GATOS INCORDIANTES

Ningún comentario:

Publicar un comentario