Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

sábado, 27 de decembro de 2014

O imperdible rebelde

Había unha vez un imperdible rebelde que quería ser libre. Era unha vergoña entre os seus, que lle porfiaban e porfiaban, explicándolle unha e outra vez que nacera para servir como elemento de unión entre dúas pezas, xeralmente de roupa (como decretaban as leis inexorables da lexicografía).
O imperdible non facía caso dos consellos e camiñaba sen rumbo por aquí e acolá, ata que unha mañá solleira de agosto foi capturado pola mafia chinesa. De nada lle valeron as súas picadelas nas mans obreiras e o noso amiguiño foi preso e embalado con etiquetaxe internacional. O imperdible rebelde atravesou un océano sen aventura que non puido contemplar desde a súa triste gaiola de plástico e cartón.
Desembarcado nun porto levantino, tampouco puido axexar a paisaxe de árbores e farois veloces abeirados á estrada, encerrado no camión que o transportou ata unha vila do Norte, na que acabou morrendo de pena, inerte no caixón do andel dun comercio pontevedrés, no que fica, para lembranza da súa afouteza insubmisa, este epitafio: IMPRENDIBLE.
 
Fotografía real, tirada en Pontevedra, que me inspirou este contiño

Ningún comentario:

Publicar un comentario