Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

luns, 12 de xaneiro de 2015

Palabras focas

Manifestación en París polo atentado contra Charlie Hebdo
Talvez o que murmuraban os xefes de estado na primeira liña da manifestación parisiense de onte era a perfecta escusa que lles ofrecía o terrorismo para coutaren unha vez máis a liberdade de expresión, reforzando os controis dos viaxeiros nas fronteiras reais e dos internautas nas estradas virtuais. 

O gran cambio ofrecido pola rede consiste precisamente en que calquera cidadán (con acceso á internet, claro) ten a posibilidade de converterse en emisor e redifusor de información; algo totalmente novo na historia da humanidade. Por primeira vez, a escala mundial, persoas correntes con ferramentas simples e sen o respaldo de medios de comunicación financiados por empresas con intereses económicos, poden expresarse, gravar co seu móbil o que está pasando, responder á manipulación informativa (por suposto, non en igualdade de condicións), pero si abrindo unha fendiña mínima no sistema de comunicación global que pode multiplicarse xeometricamente.

Por iso, en canto ao p(l)asmado que reserva a súa presenza real para as relacións internacionais se lle encheu a boca enxalzando a liberdade de expresión da que goza España, a rede inzouse de denuncias que demostran o contrario.
Por exemplo: o humorista Facu, imputado por comparar o PP cunha banda terrorista (non concordo: os terroristas, xeralmente, son persoas que defenden dunha forma violenta -que eu non comparto- unha crenza ou un ideal; mentres que a corrupción no PP só procura poder e diñeiro: para o individuo e o partido). 
Ou o músico Krahe, ao que lle piden unha fianza de 192.000 euros por unha curtametraxe na que se cociña un Cristo na súa cruz; algo totalmente incomprensible cando na misa sempre se ofrece a hostia consagrada dicindo: Tomade e comede todos del, que este é o seu corpo. E o sacerdote, non contento co piscolabis, aínda lle bebe o sangue do fillo de Deus no cáliz. Non entendo nada!

Ningún comentario:

Publicar un comentario