Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 2 de xullo de 2015

Churrusquenciclopedia. Fantoja-o

Adxectivo

Aplícase a aquela persoa que admira e defende a cantora de coplas Isabel Pantoja, sen deixarse persuadir pola realidade obxectiva. 

A fantoja ou fantojo (á galega: fantoxa-o) é un ser humano adaptado bioloxicamente para sufrir con estoicismo -e mesmo con ledicia masoquista- as espiñentas feridas derivadas do comportamento antisocial do seu ídolo, sen diminución algunha do seu apaixonado e sincero entusiasmo. 
O fantojo ou fantoja aplaude e aclama co mesmo vigor exaltado un concerto ca unha saída do cárcere, un alarde harmónico ca un "Dentes, dentes...", nunha confusión tal de pensamento e sentimento, que chega ao punto de  propoñer a recadación de fondos entre os comúns mortais para evitar o ingreso en prisión da súa admirada delincuente.
Os fantojos adoitan actuar en grupo, desenvolveron unha gran capacidade de cohesión e aléntanse entre si berrando e portando pancartas nas que declaran o seu amor incondicional pola cantante-branqueadora. 
O seu hábitat foi mudando en función do paradoiro da súa raíña; desde os teatros, casinos e romarías ata os arredores de comisarías, xulgados e centros penais. 
Polo de agora, non se encontran en perigo de extinción, posiblemente pola falta de depredadores naturais. Non sabemos se coa nova lexislación, as reunións espontáneas e, xa que logo, non autorizadas, de fantojas e fantojos; ou a difusión nas redes sociais das súas mensaxes implicitamente apoloxéticas da delincuencia e o crime organizado serán castigadas coa mesma vara de medir ca outras da mesma índole.

2 comentarios:

  1. A admirada delincuente atopou uns funcionarios de prisións inmunes á plaga. Serán o xerme dunha estirpe de depredadores ?

    ResponderEliminar
  2. Talvez só sexan profesionais que cumpren co seu traballo. Cousas máis raras se viron. Poucas, iso si.

    ResponderEliminar