Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 9 de febreiro de 2016

Protección de menores. Tres contiños


Era unha vez... unha nena moi linda cunha carapucha vermella que ía coidar da súa avoa. Polo camiño atopou un lobo e respectouno porque era especie protexida. O lobo era boa xente e nunca pensara en papar vellas nin rabo de gaita. Por iso acompañou a nena na súa ruta e ao chegar á casa da avoa merendou coas novas amigas que acababa de facer. O cazador non tivo que saír traballar, non lle abriu a barriga a lobo ningún e puido quedar na casa gozando dun día libre.

Era unha vez... unha nena que quedou orfa de nai. O seu pai volveu casar e a nova esposa coidaba da pequena con tanto amor como facía coas súas propias fillas. As medio irmás levábanse de marabilla, colaboraban nas tarefas da casa por igual e decidiron non asistir á festa do príncipe porque crían na igualdade das persoas, motivo polo cal eran republicanas.

Era unha vez... dous irmanciños que se perderon no bosque. Logo de moito andar, atoparon unha casiña toda feita de lambetadas. A súa dona, unha anciá amable e agarimosa, decidiu chamar á casa dos pequenos para que a súa familia quedase tranquila. Mentres agardaban que os viñesen buscar, enchéronse de chocolate, filloas, bica... que a velliña lles preparou nun instantiño.

E así se escriben tres contos que pasan a censura!

Ningún comentario:

Publicar un comentario