Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

xoves, 24 de novembro de 2016

#PrimAcoso vs. Yo Dona

Malia seren moi criticadas, as redes sociais están a demostrar a súa capacidade para expoñer múltiples voces tradicionalmente afastadas dos medios de comunicación. Certo é que nelas pode converterse en emisor de información calquera energúmeno e conseguir unha repercusión digna de mellor causa. Ora ben, ser un energúmeno tampouco non é un impedimento para posuír, gobernar e ditar a liña editorial dun emporio comunicativo, como demostra a realidade. 

Todo isto vén a conto dunha comparanza entre o tratamento dado á violencia de xénero desde unha revista "feminina": Yo Dona; e a campaña ideada e impulsada desde a Concellaría de Benestar Social do Concello de Pontevedra en Twwitter co cancelo #PrimAcoso, para que as mulleres denunciásemos publicamente aquel primeiro momento da nosa vida no que nos asoballaron polo mero feito de nacermos sen pene.

A portada da revista antedita rende homenaxe no seu número contra a violencia de xénero a Alejandro Sanz, identificado plenamente cos problemas de media humanidade mercé a unha barra de labios que porta na man e coa que medio maquillou os beizos. Non é de estrañar que con tal disposición a comprendernos e apoiarnos lle concedesen o premio internacional ao Labor Solidario. Pois ben, a contestación social nas redes a tamaña desvergonza non se fixo esperar. Deseguidiña apareceron chíos de protesta contra a singular homenaxe da revista, achegando letras do compositor e cantante nas que a violencia contra a muller resulta evidente a pouco que se rañe, como xa demostrara Barbijaputa nun artigo bastante anterior: No soy una de esas.

Fronte a este exemplo de superficialidade por parte dun medio "serio" e con recursos grazas á publicidade que tantas veces nos esixe lucir unha casca perfecta e baleira para manter un consumo que nada nos achega; a campaña pontevedresa, sinxela e polifónica, visibilizou o que moitas intuïamos: que todas fomos, somos ou seremos asoballadas nalgún momento ao longo da nosa vida por sermos mulleres. Así de simple. Mais, para alén desa verbalización social daquilo que moitas veces agochamos, a campaña ocultaba outro obxectivo que se desvela no vídeo que resume o acontecido no fío do Twitter. Paga a pena velo e comprobar que contan as mulleres cando remexen no seu interior e as respostas que reciben. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario